Friday 03 de May de 2024

Lolo Penas e Ester Navarrete gañan a III Carreira Pedestre de Frades, que reuniu a máis de 400 atletas de toda Galicia


Alejandro Fernández, Hassan Lekhili, Paula Mayobre e Rocío Alvite completaron un podio de luxo para a proba fradense

Os atletas Manuel Ángel Penas Blanco (New Balance – Arzúa) e Ester Navarrete Santana (Atletismo Femenino Celta – Vigo) foron os gañadores da terceira edición da Carreira Pedestre do Concello de Frades, que congregou a 408 atletas e a varios centos de veciños e afeccionados ao atletismo en Ponte Carreira (Frades). A pesar de que as predicións meteorolóxicas anunciaban fortes choivas, o tempo mantívose estable e apenas choveu, salvo ao final da entrega de premios e durante as últimas probas de escolares.

Ademais de ser a edición cun maior número de participantes, a III Carreira Pedestre do Concello de Frades consolidouse como unha cita referente dentro do atletismo galego, como demostra o nivel dos atletas participantes. O arzuán Lolo Penas, recente gañador da Vig-Bay, proclamouse gañador absoluto cun tempo de 26 minutos e 1 segundos en cubrir os 8,6 quilómetros da proba, reducindo en 55 segundos o récord da edición anterior, en mans do marroquí Hassan Lekhili, que onte rematou terceiro.

Lolo Penas dominou a proba dende a saída canda outros dous atletas: Alejandro Fernández Rivera (Adas) e Hassan Lekhili (Ourenrunning), que se decidiu nun espectacular sprint a menos de 800 metros da liña de meta. Así, Alejandro Fernández entrou segundo a tan só un segundo do vencedor, mentres que o campión da edición 2015 chegaba cun tempo de 26 minutos e 9 segundos. Completaron o podio de gañadores oo ordense David Santos Domínguez (do Atletismo Celta), que repetiu cuarto posto; e o marroquí Akka Essaadaoui (SG Pontevedra), quen non puido revalidar o terceiro posto das dúas edicións anteriores.

Categoría feminina

Na categoría feminina Paula Mayobre González non puido facer triplete ante o espectacular estado de forma da viguesa Ester Navarrete Santana, gañadora da Carreira do Pino e da Happy Go Running-Cidade Universitaria. Navarrete rematou no décimo posto da carreira cun tempo de 29 minutos e 39 segundos. A segunda foi a atleta de Ares Paula Mayobre (Escola de Atletismo Paula Mayobre), gañadora das dúas primeiras edicións da proba, cun tempo de 30 minutos e 13 segundos (cun meritorio 13º posto na xeral). O terceiro posto foi para a madrileña Clara Simal Martín (AD Marathon), 16ª na liña de meta na que foi a súa primeira carreira en Galicia. Completaron o podio Rocío Alvite Ferreiro (Sar-Vermú Petroni) e a segunda clasificada do ano pasado: Raquel Suárez Pedrosa (Ría de Ferrol).

Entrega de premios

Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. O gañador da proba por equipos foi o Club Atletismo Milladoiro, seguido polo Arenteiro e polo campión de 2015, o Club Atletismo Sar Vermú Petroni, que se repartiron uns premios de 200, 100 e 75 euros, respectivamente. O mellor club feminino foi un ano máis o Club Atletismo Sada, seguidas polo Arenteiro, que levaron 150 e 100 euros, respectivamente.

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Jesús Miguel Prado; Ensino, Manuel Ferreiro; Maiores, Jesús Francos; e Medio Ambiente, Juan Carlos Portos. Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como aos membros da Garda Civil e de Protección Civil de Ordes, Boimorto e Muxía que permitiron que a proba se desenvolvese sen incidencias. Así mesmo, agradeceu a colaboración prestada pola Xunta de Galicia, que repartiu leite galego a través da campaña Galega 100%, e polos patrocinadores da proba: Deputación da Coruña, Pepsico, Feiraco, Erimsa, Infantilandia, Cooperativa Central de Frades, Camba SL, Eurofrut, Nutri Sport, Correrengalicia e Carreirasgalegas.

Roberto Rey e Jesús Miguel Prado fixeron entrega de medallas e dunha camiseta conmemorativa a todos os participantes nas probas escolares. Os atletas da proba absoluta tamén levaron unha camiseta de agasallo e todos eles disfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas e froita, cortesía dos patrocinadores da proba. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes que o precisaron puideron gozar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde.